xoves 15 marzo 2018

A CORUÑA, UNHA CIDADE "SEMPRE ABERTA" QUE TES QUE VISITAR (Fonte: www.coruna.gal)

Se vés participar no Maratón Atlántica C42 ou na carreira popular 10K e é a túa primeira vez na Coruña, debes ter en conta algunhas cousas.

SABOREA CORUÑA
Chegarás a unha cidade cuxa oferta gastronómica é en grao sumo apetecible e variada. A cociña Atlántica, baseada nos produtos que nos ofrece o grande océano que baña a nosa costa, é un referente do noroeste español. Desde restaurantes a tascas, tabernas ou bares. Exquisitos produtos e unha mimada elaboración capaz de seducir o máis esixente dos padais. Ir de tapas na Coruña é obrigatorio. Na web de Turismo da Coruña, poderedes atopar unha coidada selección de rutas de tapeo por diversas zonas da cidade.

Ademais, durante todo o ano A Coruña acolle diferentes eventos gastronómicos como "Lacónicas" en Entroido, o Concurso de Tapas Picadillo en setembro e "Boucatise" en decembro. Este ano ampliaremos a axenda culinaria, co primeiro Festival Gastronómico das Cociñas Atlánticas, que tratará de difundir e dar a coñecer as excelencias da gastronomía atlántica e galega.

A CORUÑA SEMPRE DE FESTA
O calendario coruñés ten varias citas que son fixas para coruñeses e visitantes durante todo o ano. O entroido ou carnaval coruñes é dos máis populares en Galicia. Na Coruña o entroido conta cunha gran tradición, que se remonta a comezos do século XIX, datas nas que xa se teñen rexistros da celebración dos primeiros bailes de máscaras. O carácter xocoso e alegre que sempre caracterizou a cidade fixo que estas festas manteñan o seu apoxeo e popularidade ata os nosos días.

A noite de San Xoán -Festa de Interese Turístico Internacional- é, sen dúbida, a festa popular por excelencia na Coruña. Falamos da noite máis curta do ano. Falamos dunha noite máxica, alegre e fascinante. As fogueiras nas praias de Riazor e Orzán e en toda a cidade iluminan a noite nun ritual festivo que cada ano adquire máis popularidade.

Agosto tráenos as festas de María Pita. Unha das poucas festas que teñen o grande atractivo de abarcar, nunha soa, todo este gran conxunto de eventos e actividades. Concertos en María Pita, o Festival Noroeste, o Salón do Cómic, a Batalla Naval... unha programación que leva a diversión a todos os públicos.

PATRIMONIO E MUSEOS CIENTIFICOS
A Coruña é unha cidade con moita historia e moito que ensinar. A Torre de Hércules -Patrimonio da Humanidade desde 2009- é símbolo da nosa cidade e atrae cada ano a centos de miles de persoas. A Domus ou Casa do Home, a Casa das Ciencias e o Aquarium Finisterrae conforman a rede de Museos Científicos Coruñeses. Tres lugares onde descubrir os segredos do home, as curiosidades da ciencia e os misterios do océano. Espazos para compartir coñecemento e gozar dun bo momento.

Este é un pequenísimo resumo da nosa oferta turística e cultural. Se che apetece coñecer máis, recomendámosche visitar a web turismocoruna.com e seguir os perfís oficiais de Turismo da Coruña en redes sociais.