xoves 12 decembro 2019

A NOCTURNA CORRE POR FERROL, CON SABOR A NADAL (Fonte: www.diariodeferrol.com)

Aínda que tradicionalmente a competición dispútase en período estival, a oitava edición da Carreira Nocturna “Corre por Ferrol” celebrarase o vindeiro sábado 21, o que supoñerá un “aliciente”, en palabras do edil Antonio Golpe, para os corredores que poderán gozar do escenario do Nadal.

A proba, que forma parte do Circuito Provincial de Carreiras Populares, disputarase sobre un trazado de 5.000 metros que discorrerá polo barrio da Magdalena. Tal e como explicou o propio concelleiro, que na presentación do evento estivo acompañado do representante da Delegación local da Federación Galega, Paulino Cartelle, e polo representante de  Gadis, Antonio Cortés –patrocinador xunto con Coca-Cola da carreira–, a cita dividirase en cinco grupos para categorías de formación –partirán ás 20.00 horas– e outros sete no tramo de idade absoluto –con saída ás 21.00 horas–. 

A inscrición para o evento será totalmente gratuíta e os interesados poden realizala ata as dez da noite do día 19 a través da plataforma www.rockthesport.com. Estableceuse un número máximo de 700 participantes na categoría absoluta e 400 na de menores.