venres 13 decembro 2019

A SAN SILVESTRE COMPOSTELÁ, QUE ESPERA MÁIS DE DOUS MIL ATLETAS, ABRIU O PRAZO DE INSCRICIÓN (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

Desde onte está aberta a inscrición para unha nova edición da San Silvestre compostelá, a carreira coa que se despedirá deportivamente o 2019. Espérase a participación de máis de 2.000 persoas nunha proba xa consolidada no calendario atlético galego, convertida nun modo saudable e festivo de pechar o ano.As inscricións poderán realizarse a través da web de carreiras galegas. A partir da próxima semana tamén a través da propia web da San Silvestre de Santiago.Aínda que esta proba non está incluída no CorreSan, si serve para pechar o intenso ano atlético en Compostela, marcado pola oitava edición deste circuíto de carreiras saudables. O presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, agradeceu o compromiso municipal con estas carreiras, que converten a Santiago nun «referente no atletismo urbano». Neste sentido, expresou o seu desexo de que coas anunciadas melloras nas pistas universitarias de atletismo a cidade tamén se converta nun «referente no atletismo de pista».

A edila de Deportes, Esther Pedrosa, presentou a San Silvestre, que empezará ás 18.00 horas do martes 31 de decembro, con saída e chegada na praza do Obradoiro. Os corredores percorrerán un circuíto urbano de algo mais de cinco quilómetros. Haberá dúas saídas diferenciadas, unha para quen afronten a proba dun modo competitivo e outra para quen corran de forma máis lúdica ou non competitiva. Acompañaron a Pedrosa na presentación Isidoro Hornillos, o delegado da Federación en Santiago, Iván Sanmartín, e a atleta galega Tina Fernández, subcampioa da pasada edición e que volverá competir este ano. 

Todos os presentes animaron a participar na carreira, que Iván Sanmartín cualificou como «un modo especial de despedir o ano coa familia e amigos». Nos mesmos termos pronunciouse Isidoro Hornillos, quen falou dunha «proba importante para despedir un ano importante para o atletismo galego».