mércores 07 marzo 2018

A X EDICIÓN DO MEDIO MARATÓN CORUÑA 21, APROBADA POLAS PERSOAS PARTICIPANTES (Fonte: www.coruna.gal)

Os e as participantes do Medio Maratón C21 de 2018 valoran positivamente a organización da carreira. Inscrición, trazado, atención sanitaria, seguridade, persoal… e outros parámetros foron valorados polas persoas usuarias con moi boa nota a través dunha enquisa realizada polo Departamento de Deportes.

O Medio Maratón Coruña 21, realizado o pasado 18 de febreiro, recibiu unha boa puntuación por parte das súas persoas usuarias. Así o revelan os datos dunha enquisa na que se preguntaba por cuestións como inscrición, trazado, servizos sanitarios, organización, avituallamento, comunicación...

Do total de enquisados/as, o 67% xa participaran nalgunha das pasadas edicións da C21. No que se refire ao proceso de inscrición, máis do 90% das persoas participantes dixeron sentirse satisfeitas ou moi satisfeitas co método de inscrición, tanto na inscrición en liña como na presencial en El Corte Inglés. Con respecto ao trazado, o 69% declárase bastante satisfeito/a ou moi satisfeito/a.

A atención recibida e a organización da carreira tamén recibiu unha gran puntuación por parte dos corredores e das corredoras. O 90% declárase satisfeito/a ou moi satisfeito/a neste punto en cuestións como avituallamento, información recibida, sinalética do percorrido, duchas do Palacio de Deportes, avituallamentos intermedios, seguridade, camisetas...

Boas puntuacións da maioría tamén para o voluntariado, speaker (megafonía, animación) e entrega de dorsais, con máis do 80% das persoas usuarias colocando un satisfeito ou moi satisfeito a estes puntos.

CAMPAÑA DE COMUNICACIÓN
A imaxe da carreira gustou. Iso é o que nos di a enquisa. Máis do 70% di estar satisfeito ou moi satisfeito. O mesmo sucede coa web www.coruna.gal/carreraspopulares, moi ben puntuada polas persoas usuarias. A propia web foi a segunda canle a través da cal as/os usuarias/os coñeceron a proba (30%). O primeiro foron outras webs (34%). En terceiro lugar, cun 23%, a recomendación dun amigo/coñecido.

A satisfacción co grao de información ofrecido pola web como polo perfil de Twitter @coruna21 tamén cumpriu satisfactoriamente as expectativas.

REPETIRÁN
Finalmente, ante a pregunta de se repetirán na próxima edición da proba, o resultado é un abafador "Si". Máis do 90% volverán percorrer as rúas da Coruña correndo o próximo ano.