sábado 21 xullo 2018

A XV CARREIRA NOCTURNA VOLVE O FOCO A VILAGARCÍA (Fonte: www.farodevigo.es)

A décimo quinta edición da Carreira Nocturna de Vilagarcía encherá hoxe a localidade de corredores. Un total de 241 participantes tomarán parte na categoría absoluta que arrincará ás 22.30 horas desde a Avenida da Mariña para completar unha distancia de 10.000 metros.

O concelleiro de Deportes,  Argimiro  Serén, acompañado do director deportivo da Fundación Juan Miguel Doval, e Alberto Rey,  speaker da proba, presidiu a presentación dun evento no que participarán corredores nados desde 2012 e anteriores repartidos nas diferentes categorías.

As saídas, empezando polos máis pequenos que percorrerán 100 metros, comezarán a realizarse a partir das 21.00 horas. En intervalos de quince minutos iranse sucedendo as categorías co consecuente aumento das distancias para percorrer ata chegar á saída absoluta que tivo que pechar a súa inscrición moito antes do previsto.  Serén puntualizou nesta liña que "os nenos poden apuntarse ata media hora antes do inicio da proba".
Tamén se agradeceu a colaboración do Club Atenas  Running de Vilagarcía no asesoramento técnico dunha carreira que entra no calendario da Federación Galega de Atletismo.
Haberá trofeos aos tres primeiros clasificados masculinos e femininos en cada franxa de idade e tamén se premiará aos menores atletas locais e ao máis veterano en participar.

Para o perfecto desenvolvemento da proba haberá cortes de tráfico e redución de aparcadoiros.