venres 20 xullo 2018

AMPLIO DISPOSITIVO PARA A CARREIRA DO APÓSTOLO NA LARACHA

A Laracha e concretamente a parroquia de Vilaño prepárase para celebrar por todo o alto o evento máis multitudinario do concello, que o ano pasado contou con preto de 750 participantes, e que este ano pechou inscripcións con 796 persoas.

Hai que destacar a presencia de 451 inscritos nas categorías da carreira popular, sendo 231 os inscritos que partirán na proba absoluta, entre os cales destaca a presenza de destacadas figuras do panorama atlético. Nomes coma o de Ramón Serantes, vixente campeón galego de maratón que ven acompañado do seu compañeiro de fatigas Alberto Morís. O atleta de Vimianzo Martín Regueira tampouco se quere perder esta festa do deporte. Manuel Oliver Pérez “Manute”, Ángel Maceiras e Adrián Rojo, os tres atletas do SAR Vermú Petroni, que nos teñen acostumbrados a estar nos postos de cabeza nas anteriores edicións tampouco se perderán a cita. Entre os inscritos tamén vemos o primeiro e segundo clasificado da carreira 10K de Carballo, Amador Pena e Miguel Gómez. Tamen partirá na liña de meta Nicolás Dominguez, triatleta coruñés que subiu na primeira edición o segundo caixón. Outro triatleta que repite participación é o internacional de orixe larachés David Castro, despois de competir por medio mundo non quere perder a oportunidade de competir na Carreira do Apóstolo. En categoría feminina destacamos a presencia da actual vencedora da edición 2017, Rocío Alvite, a atleta de Mazaricos este ano terá unha forte rival xa que confirmou a asistencia Esther Rodríguez, a triatleta ven de facer un bo papel no campeonato de España de Triatlon Sprint en Banyoles.

No referente a andaina saudable e solidaria que se disputa de forma paralela á carreira popular, reflictese un gran aumento de participación respecto do ano anterior, sendo 344 as persoas anotadas, que encherán as ruas de Vilaño de solidariedade. Cabe recordar que a metade da recaudación da Andaina saudable e solidaria vai destinada a Cáritas de A Laracha.

A terceira edición da Carreira Popular do Apóstolo implicará cortes ao tráfico nas principais vías que conectan Vilaño co casco urbán, e que estarán controladas por un total de 5 policías locais e 25 voluntarios de protección civil que se encargarán de regular a circulación ao largo dos dez quilómetros dos que consta o percorrido da proba e que terá lugar o próximo sábado. As principais carreteras de entrada a Vilaño serán cortadas ao tráfico as 17:30 horas. A Organización conta con un amplo aparcamento no lugar de Quintáns que estará debidamente sinalizado desde o casco urbán (Carretera A Laracha – A Silva, km1; no Lugar de Formigueiro xirar á dereita dirección Quintáns).

No referente á recollida dos dorsais e camisetas poderase facer con antelación o venres, o día previo á carreira, no Carrefour de Coristanco desde as 17.00 e ata o peche do hipermercado ás 22.00 horas. Ademáis, o propio día da proba poderanse retirar no Centro sociocultural de Vilaño ubicado no Adro de Vilaño, en horario de mañá (de 11.00 a 13.30) e durante a tarde a partires das 15:00 e ata 15 minutos antes da saída de cada proba.

HORARIOS DAS PROBAS
17.50 – Benxamín/Alevín (nados entre o 2007 e o 2010) – 1,1 km
18.10 – Infantil/Cadete (nados entre o 2003 e o 2006) – 3,8 km
18.45 – Pitufo (nados entre o 2011 e 2015) – 0,2 km
18.55 – Handbike – 10 km
19.00 – Adulto (2000 ou antes) – 10km // Xuvenil (entre o 2001 e o 2002) – 5 km
19.05 – Andaina Saudable-Solidaria – 3,8 km

A todo isto hai que engadir o duro traballo da propia organización do evento, levada a cabo pola Asociación Adro de Vilaño, que contará con 50 persoas que asistirán aos participantes para que non lles falte ningún detalle. Cabe destacar que presentarán unha zona habilitada para gardería, con monitores especializados para o coidado dos máis pequenos. Tamén haberá pinchos ao remate do evento e mesmo servicio de fisioterapia. Os clubes ciclistas da localidade aportarán tamén persoal que dará apoio para a apertura e peche da proba, ao igual que nas anterioes edicións.