domingo 22 setembro 2019

ANDRÉS CENDÁN E ESTHER PEDROSA GAÑAN A CARREIRA NOCTURNA DO CORRESAN BAIXO O DILUVIO (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

A intensa choiva que caeu onte á noite sobre Santiago e que por momentos foi un auténtico diluvio durante a proba absoluta, desluciu pero non puido cos ánimos que o ciclo CorreSan esperta sempre entre os afeccionados ás carreiras populares. A oitava edición abriuse, ademais, coa que máis gusta aos participantes, a nocturna do casco monumental, con saída e chegada na Praza do Obradoiro.

Organizada pola Federación Galega de Atletismo co patrocinio do Concello de Santiago, reuniu en total a máis de seiscentos participantes a pesar das baixas de última hora motivadas fundamentalmente polo mal tempo. Máis de cincocentos disputaron a proba absoluta cun percorrido total de 5,5 quilómetros, na que se impuxeron Andrés Cendán Llorens, do Club Tríatlon Cidade de Lugo Fluvial, cun tempo de 17 minutos e 11 segundos; e a compostelá, concelleira de Deportes, Esther Pedrosa Carrete, do club Praias de Castelló, cunha marca de 22.09.
Manifestou a edila a La Voz días antes da proba que ao non poder participar a súa filla, Raquel Suárez, víase con «máis posibilidades» de gañar na categoría feminina, e o certo é que non tivo rival, xa que a segunda, Mónica Álvarez Alonso, do Real Grupo Cultural Covadonga, fixo un tempo de 23.07, e en terceira posición entrou Mariam Ferrán, do Club Atletismo Santiago, cunha marca de 23.11. Na categoría masculina, tras Andrés Cendán entraron Jorge Puig Malvar, do Club Atletismo Santiago, cun tempo de 17.30; e Pablo Monteagudo Lago, do Club Atletismo Noia, cun rexistro de 18.24. 

Disputáronse, ademais, dúas carreiras de categorías escolares. A de nenos e nenas sub-10 e sub-12, sobre un percorrido de 1,25 quilómetros, na que se impuxeron Hugo Domínguez Juncal, do Club Atletismo Vila de Cangas; e Alejandro Couselo Fernández, do Tambre Bike Running, co mesmo tempo de 3.50. Seguíronlles Mateo Crujeiras Villar, do Club Natación Ribeira; e a primeira nena, Daniela Rama Figueiras, do Club Atletismo Noia, ambas cunha marca de 3.53.

Na proba escolar para idades sub-14 e sub-16, que cubriu un percorrido de 2,2 quilómetros, os gañadores foron, en categoría masculina, Brais Picón Montero, do Club Atletismo Fontes do Sar, cunha marca de 5.46, seguido por Sergio Prieto Pazos, do Club Atletismo Estrada; e Víctor Ramos Sambade, do Triki Team. O podio feminino foi para Ainoa Gontán Iglesias , cun tempo de 6.45, seguida por Julia Salvado Diéguez, de Acade; e Xiana Brea Veiga, do Club Fontes do Sar.