venres 13 decembro 2019

CEE ACOLLE A SEXTA GRAN GALA DO ATLETISMO DA COSTA DA MORTE (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

O atletismo consolidouse, con fartura, como un gran escaparate para a promoción da comarca, non só desde o punto de vista deportivo, senón tamén turístico. Boa proba diso represéntao o Circuíto Correndo pola Costa da Morte, que este ano botou o peche á súa sexta edición. Unha iniciativa de dez probas (Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas) que logrou consolidarse como un dos grandes activos. As cifras así o testemuñan. Participaron 9.211 persoas, o que supón unha alza do 10% con respecto ao 2018 e un 337% máis que na primeira edición, a do 2014, cando había oito carreiras clasificatorias. E o máis rechamante é que o 60% dos corredores son de fóra da comarca.

Con estes impresionantes algarismos celébrase hoxe (21.00 horas) no auditorio Baldomero Cores de Cee a que será a sexta edición de Gala Correndo pola Costa da Morte, a gran festa do atletismo, cita á que acudirán representantes dos dez concellos participantes, encabezados pola alcaldesa anfitrioa, Margarita Lamela. No auditorio ceense estarán decenas de deportistas, que, por unha cuestión ou outra, foron relevantes este ano.
Haberá homenaxes e recoñecementos a unha infinidade de atletas, empezando polos triunfadores na proba reina 10K, categoría sénior e absoluta: o santiagués Amador Pena e a muradá Tina Fernández. Tamén serán premiados os triunfadores do circuíto en 3K, os vimianceses Martín Regueira e Apolonia Bermúdez. A organización tamén repartirá recoñecementos aos 101 atletas que completaron as dez probas e a 28 mozos, -de benxamíns a cadetes- e a outros 12 das categorías máis veteranas. 

A organización tamén dispensará dous tributos especiais. O primeiro, á superación, que leva o nome de Sara Vieites, que recaerá este ano en Francisco Brea, Paco. E ao patrocinio deportivo, a Gadis.
E como non, na gran festa do atletismo aproveitarase a ocasión para nomear á nova madriña, que será a doutora vimiancesa Teresa Castro Villaverde, quen nunha entrevista concedida recentemente a La Voz dixo que era unha honra ser a madriña e que espera estar á altura do que se merece un circuíto desta envergadura.
E como toda gala que se prece haberá música, que nesta ocasión recaerá nun alumno da escola municipal de música de Cee: Álex Castro.