sábado 03 marzo 2018

COSAGA COLABORA COA FEDERACIÓN GALEGA DE ATLETISMO PARA FOMENTAR A PRÁCTICA SEGURA DO DEPORTE (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

O hospital Cosaga convertíase onte en entidade colaboradora da Federación Galega de Atletismo a través dun convenio que busca promover a conciencia entre os deportistas, tanto federados como non federados, de someterse a un recoñecemento cardiovascular para evitar riscos na práctica da súa actividade. O acordo, asinado polo presidente do consello reitor do centro sanitario, José Ignacio Vidal, e o da federación autonómica, Isidro Hornillos, suporá a participación de Cosaga nas actividades e citas programadas polo organismo deportivo.

Ademais, o hospital ourensán facilitará o recoñecemento médico ao colectivo de atletas federados aplicando un desconto sobre a tarifa habitual para a realización das probas. Vidal enmarcou este acordo na preocupación de Cosaga por fomentar a práctica do deporte seguro e recordou que foron impulsores da primeira Escola de Soporte Vital Básico e Desfibrilación Semiautomática de Ourense. Pola súa banda, a federación porá en marcha unha campaña de concienciación entre os atletas, especialmente nos que superan os 35 anos, sobre a importancia de realizar estes recoñecementos. Unha campaña que, segundo matizou Hornillos, estenderase á poboación que practica actividade física de certa intensidade como «os que participan regularmente en carreiras populares ou corre habitualmente», dixo.

Fonte: www.lavozdegalicia.es