domingo 24 marzo 2019

DIEGO RUIZ TRIUNFA DE NOITE (Fonte: www.dxtcampeon.com)

Onte celebrouse a cuarta proba puntuable para o circuíto Coruña Corre 2018/2019, a Carreira Torre de Hércules. Unha cita especial por celebrar de noite a súa proba absoluta e tamén por ter nesta edición un claro carácter solidario e reivindicativo, co lema ‘ Querémonos vivas’.

Diego Ruiz foi o gañador onte, cun tempo de 22 minutos e 3 segundos. A verdade é que o do Atletismo Sada tivo que empregarse a fondo para lograr o triunfo, xa que o seu principal rival,  Anxo Castro, acabou só nove segundos despois. Para saber o corredor que ía pechar o podio houbo que esperar un pouco máis. Pero tampouco moito, pois cun tempo de 22:44 Abdelaziz  Fatihi fíxose coa terceira posición. Ao marroquí afincado na Coruña sóubolle a vitoria, pois a punto estivo de ceder ante os dous seguintes na clasificación, Álvaro Gómez  Cardesín (22:51) e o primeiro veterano, Rubén Liñares (22:59). É dicir, que ata cinco corredores baixaron dos 23 minutos.

Con respecto á clasificación feminina, Sofía Fernández Castro impúxose con bastante solvencia, sendo a única participante que baixou dos 27 minutos (26:29). Na xeral, finalizou no posto 55. A segunda praza levoulla a portadora do dorsal número uno,  Zelin Spencer, con 27:06. E aquí si que houbo emoción, na loita polo subcampeonato, xa que a terceira clasificada,  Uxía García Díaz, terminou cun rexistro de 27:11.

Unha vez que se deu a saída da carreira, comezou unha camiñada solidaria. E é que todo o diñeiro recadado, tanto da carreira como da camiñada, irá destinado á loita contra o cancro.

E pola tarde, antes da proba principal, disputáronse as tradicionais carreiras para as categorías de base.

A próxima cita do circuíto Coruña Corre está prevista para o cinco de maio, cando se celebre a  Baixada de San Pedro de  Visma.