domingo 02 decembro 2018

DIZ E LOSADA PROLONGAN A SÚA SERIE NO GUILLELEME BROWN (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

Das probas populares ao campo a través. Tanto Rubén Diz como Vicky Losada saíron ben librados do salto á modalidade invernal e impuxéronse nunha nova edición da clásica do Colexio Guillelme Brown, cunha bagaxe de 23 anos de historia.

O antelano do Ourense Atletismo, gañador absoluto, só foi seguido no seu arreón por Javier Paredes (Burgas), que ao cabo cedeu 22 segundos na liña de meta. O terceiro clasificado, Julio Novoa (Arenteiro) case se deixa un minuto con respecto ao vencedor.

Pola súa banda, Vicky tamén gañou con total autoridade, máis si cabe, liderando o triplete do Club Burgas, que a escoltou no podio con Ana María Ocampo e Rebeca Álvarez.

O resto dos vencedores nas categorías de formación foron: Amanda Martínez e Yeray Dacuña (Trega), en sub 10; Naroa Pereira (Ben Cho Shey) e Christian Sierpes (Trega) en sub 12; outra vez Sierpes e Xiana Fidalgo (Corredores do Miño) en sub 14; Martina Fernández (Ourense) e Héctor Rodríguez (Aurum) en sub 16, así como Antía Castro (Ourense) e José Luis Pintor (Ben Cho Shey).

Para rematar, Javier De Dios e Patricia Kaiser gañaron a carreira de pais, nais e profesores do colexio.

Fonte: www.lavozdegalicia.es