domingo 14 abril 2019

MIGUEL PENEDO E ROSARIO FIGUEROA, CAMPIÓNS GALEGOS DE MARATÓN (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

Rosario Figueroa e Miguel Penedo proclamáronse onte campións galegos de maratón, mentres que o kenyano  Dominic  Pkemoi foi o primeiro en cruzar a meta na carreira Coruña42, que ademais albergou unha popular 10 K que levaron Simón González e Mónica Celeiro (que tamén ten no seu haber un Autonómico).

A proba foi dura en todas as súas vertentes, circunstancia acentuada polo vento  racheado, a elevada temperatura e humidade relativa. Os africanos mantiveron unha intensa pugna na cabeza, que finalmente se decantou a favor do kenyano  Pkemoi. No cadro feminino, Figueroa (naquel momento, campioa galega) confirmou a súa condición de favorita e dominou a carreira.

A proba, que contou coa presenza duns 800 inscritos (644 apuntados ao maratón popular e 168 ao Campionato Galego da distancia, 42.195 metros), contou con espectáculos de animación que fixeron máis levadío o esforzo, sobre todo para os atletas populares, como  Feli López Arnau, unha habitual na distancia. «Fíxose bastante dura, ao ser a tres voltas de 14 quilómetros. O clima deixou cousas positivas e negativas, pero nada que non se solucionase cunha boa  hidratación e alimentos», analizou a primeira coruñesa. «Tentei competir na miña cidade, ao ser Campionato Galego», matizou.

O presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro  Hornillos, facía fincapé no valor engadido de que Coruña42 «sexa o único maratón de Galicia». «É a única proba oficial homologada pola federación española. Os atletas valórano e saben que é a única que os acredita como corredores de maratón. Todo o demais, son termos enganosos», concluíu.


ROSARIO FIGUEROA ORO GALEGO EN MARATÓN

«Non puiden preparalo ben e fíxolleme difícil, pero cumprín o obxectivo»

Gañou Rosario Figueroa tres das catro edicións do autonómico nas que participou desde o 2015. E a do 2017 non puido correla por mor do seu embarazo.

-O seu dominio é absoluto.

-Pois este non o puiden preparar ben, por culpa dunha bronquite e unha contractura. Fíxose difícil polo vento en contra e a humidade. Por iso non me podía despegar da botella que levei na miña man.

-O seu obxectivo era o ouro?

-Era terminala, dados os precedentes. Contaba que a disputasen atletas de fóra ou que gañaron en anteriores ocasións, pero non foi así, de modo que aproveitei a oportunidade.

-Cal dos catro títulos garda con máis agarimo?

-Todos me fixeron especial ilusión, polas circunstancias que rodearon a cada vitoria. Cada un tivo un mérito especial.

-Que plans de futuro ten?

-Descansar e recuperarme, porque non foron días sinxelos.


MIGUEL PENEDO CAMPIÓN GALEGO DE MARATÓN

«Sufrín o indecible e souben o que é de verdade unha carreira de maratón»

Miguel Penedo impúxose no Campionato Galego a pesar de que non tiña boas sensacións.

-Trátase do seu segundo maratón.

-Efectivamente. No de Valencia fixen 2:25 e o corpo non me pedía outra carreira desta distancia, pero o feito de que fose Campionato Galego motivoume a correlo.

- Como o afrontou?

-A  contrapié. Non tiña a cabeza para ela. E non pasei de 50 quilómetros á semana. Pero máis contento non podo estar porque o obxectivo era o Autonómico.

-Que plans ten para o futuro inmediato?

-Sobre todo, descansar, porque ademais tiven unha lesión no  piramidal e fíxolleme moi duro. Despois, preparar a tempada para o Nacional de  cros e algún maratón internacional.

-Polo vento?

-Polo vento, por min mesmo e polos rivais. Preparei ben a carreira de Valencia e non sufrín nada. Pero esta vez sufrín o indecible e souben o que é de verdade un maratón.

CLASIFICACIÓNS CORUÑA42

Masculina

1.  Dominic  Pkemoi 2:19:24

2.  Hosea  Kiprotich 2:19:58

3. Carlos Costa 2:24:26

Feminina

1. Rosario Figueroa 3:07:13

2. Rosa Romeu 3:14:51

3. Sara Pita 3:17:52

CAMPIONATO GALEGO

Masculina

1. Miguel Penedo 2:35:32

2. Carlos  Lorenzo 2:35:41

3. Fernando  Lorenzo 2:35:44

Feminina

1. Rosario Figueroa 3:07:13

2. Sara Pita 3:17:52

3. Paula Souto 3:22:44