xoves 02 xaneiro 2020

«NON PODO PEDIR MÁIS», SINALA ANDRÉS CENDÁN, GAÑADOR DA SAN SILVESTRE COMPOSTEÁ (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

O compostelán Andrés Cendán, do Cidade de Lugo, e a americana Tina Fernández, do Atletismo Sar, foron os vencedores da San Silvestre da capital galega. O gañador masculino entrou na praza do Obradoiro cun tempo de 17 minutos e 15 segundos. Tina Fernández, pola súa banda, detivo o crono en 19 minutos e 07 segundos despois de 5,4 quilómetros de carreira.
O segundo clasificado foi Antón Gómez, da Estrada, cun tempo de 17.34. O terceiro posto foi para Rodrigo Fraga, do AD Costa de Allo, con 17.45. Na categoría feminina, detrás de Tina Fernández entraron Marta Prieto, segunda, cun tempo de 19 minutos e 18 segundos, e Lucía Couñago, terceira, con 20.00.
A San Silvestre compostelá bateu a marca de participación na súa sétima edición, alcanzándose a cifra de 2.316 corredores inscritos.

Andrés Cendán, que venceu no 2018 e foi segundo no 2019, recoñeceu minutos despois de cruzar a liña de meta en primeira posición que «nesta ocasión tocou gañar outra vez e non se pode pedir máis, pois lograr a vitoria nesta praza tan emblemática, na última carreira do ano, é o máximo». Explicou, ao mesmo tempo, que a proba foi «bastante dura».
O atleta compostelán subliñou que «había moitas curvas e costas pola zona vella da cidade, o que complicou moito o percorrido». Desde o primeiro momento, Cendán, que estivo moi pendente do crono, presentouse na praza do Obradoiro coa intención de gañar, sobre todo cando comprobou que Nuno Costa, que estaba na lista de inscritos, non compareceu na saída. «O meu obxectivo era gañar, pero tratándose da San Silvestre tamén vés coa intención de gozar».

O deportista compostelán, de vinte e dous anos de idade, empezou aos doce no tríatlon. Ao 2020 pídelle saúde e «poder seguir gozando do atletismo e do deporte». Agora desprazarase a Lanzarote para adestrarse co seu equipo e preparar unha proba que terá lugar en Melilla, «onde me xogo gran parte da clasificación para carreiras europeas e mundiais».

Outras clasificacións
Escolar masculina: 1. Brais Picón (18 minutos e 00 segundos); 2. Juan Cañizo (19.59); 3. Yago Iglesias (20.12); 4. Álex Ayaso (20.34) e 5. Nicolás Nsang (21.12).

Escolar feminina: 1. Ainoa Gontán (21.19); 2. María Fernández (26.06); 3. Alexia Rama (26.06); 4. Alejandra Formoso (26.06) e 5. Eva Formoso (26.06).
A San Silvestre contou cun gran ambiente na praza do Obradoiro e durante todo o percorrido. Os afeccionados envorcáronse coa carreira.