luns 19 agosto 2019

O CAMBIO DE LOCALIZACIÓN DA CARREIRA DAS AREAS DEULLE UN PLUS (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

A 28.ª Carreira dás Areas non só bateu a súa marca histórica de inscritos (1.026) senón, tamén, de participantes. Con saída das distintas probas desde primeira hora da mañá de onte, foron preto dunhas 800 persoas as que se animaron a correr, asegurou a técnica de Deportes do Concello de Carnota, María Lestón, organizadora da proba. A pesar de que as previsións de tempo daban choiva, finalmente fixo sol e tanto o GES de Muros como o camión de bombeiros municipal asperxeron aos corredores con auga. Pero sen dúbida, o éxito desta edición estivo no cambio de localización da saída e a meta das distintas pedestres situado no soado hórreo. Así, xunto coa praia -lugar polo que se desenvolve gran parte da carreira de 10 quilómetros-, a organización logrou unir os dous puntos de referencia da localidade, tamén reflectidos nos trofeos (unha figura do hórreo cunha onda).

O coristanqués (de Cereo) Cristian Muíño gañou a distancia longa cun tempo de 36 minutos e 35 segundos. Instantes despois chegou o habitual campión santiagués Amador Pena. Mesma situación deuse na categoría feminina con Tina Fernández, de Muros, como gañadora (41:32), e María González, subcampioa (42:20). O percorrido curto de 3 quilómetros tamén foi moi disputado. Gañou o de sempre, o laxense Martín Regueira, que completou o traxecto en 11 minutos e 3 segundos. Os tres seguintes chegaron instantes despois, sen apenas chegarse a cumprir o minuto de diferenza respecto ao campión. Entre as mulleres, venceu Barca Toba, de Muxía (13:44), seguida moi de preto pola camariñá Paula Esteiro, Apolonia Bermúdez e Lupe Lodeiro.

De todos estes podios sorprendeu o primeiro posto de Cristian Muíño (27 anos), pois gañou na súa primeira participación neste sexto circuíto. Foi un asiduo desta iniciativa promovida por dez concellos nas primeiras edicións, ata que comezou a competir a nivel federado en dúatlon e tríatlon. «A carreira de Carnota gústame moito, pese a que é dura pola area. Non foi doado gañar. Fomos xuntos na cabeza Amador e eu desde o quilómetro dous ou tres, e foi no último onde el se quedou un pouco atrás», explicou.

Non houbo incidencias, apenas unhas caídas na nova saída por un terreo de monte que foi especialmente preparado para a cita. A nova localización tamén tivo como consecuencia unha maior afluencia de público. Houbo moitos premios especiais, sobre todo a xente que axuda na organización do evento de forma desinteresada. Así mesmo, destacou a participación do policía local Jesús López, Suso, ao que este ano, por primeira vez, non lle tocou traballar e puido gozar da súa afección, así como a dos irmáns Boni e Josechu González, de Carnota, que son habituais na proba das Areas e que sempre brillan polo seu particular pique, aínda que como sempre, gañou Boni.