Non houbo sorpresas na Maratón Atlántica Coruña42, na que os representantes kenyanos foron os grandes dominadores, e os únicos capaces de baixar das dúas horas e vinte minutos. Dominic Pkemoi foi o gañador, e medio minuto despois entraba en meta o seu compatriota Hosea Kiprotich.
O campión terminou cun tempo de dúas horas, 19 minutos e 24 segundos. Un bo rexistro, pero lonxe da súa mellor marca persoal (2 h.10:18). O africano puxo un forte ritmo que ninguén puido seguir, salvo Hosea Kiprotich, que finalizou con 2 h.19:58, tamén lonxe da vez que máis rápido correu unha maratón (2 h.12:17).
Cinco minutos despois entrou na liña de meta de María Pita o fondista que pechou o podio, o portugués Carlos Costa, o cal fixo a carreira practicamente en solitario (2 h.24:26).
A partir de aí era o momento de ver cando entraban os principais representantes galegos. Cabe lembrar que Coruña42 é tamén o Autonómico da especialidade. A cuarta posición na clasificación xeral foi para Javier de Mata (2 h.32:49). E o novo campión galego é o atleta que finalizou na quinta posición, Miguel Penedo (2 h.35:35). A loita polo título autonómico foi o máis interesante da mañá. Só seis segundos separaron a Penedo do segundo no Galego, Carlos Lorenzo (2 h.35:41).
Con respecto á gañadora en categoría feminina, a gran favorita, Rosario Figueroa, cumpriu o prognóstico, sendo a primeira muller que entrou na meta (posto 82), cun tempo de tres horas sete minutos e trece segundos. Do mesmo xeito, recupera o título autonómico que xa gañou nas edicións de 2015 e 2016.
Como é habitual, ademais da maratón tamén se celebrou unha proba en ruta de dez quilómetros, con boa parte dos asiduos do circuíto Coruña Corre na liña de saída. En homes gañou Simón González Río (32:14) e en mulleres Mónica Celeiro (39:02).