luns 16 xullo 2018

RECTA FINAL PARA INSCRIBIRSE NA III CARREIRA POPULAR DO APÓSTOLO

Á falta de tres días para o peche das inscripcións, son xa máis de 550 as persoas apuntadas para terceira edición da Carreira Popular do Apóstolo en Vilaño, no Concello da Laracha, proba que volve a estar integrada no VI Circuito Provincial de Carreiras Populares da Deputación de A Coruña.  A organización ponse como reto superar os 750 inscritos da edición anterior.

Entre os inscritos actualmente, podemos encontrar algúns habituais dos podios das probas populares da contorna. Temos que destacar nomes como o de Amador Pena, flamante vencedor dos 10K de Carballo e que ven de quedar terceiro a semana pasada na carreira de Muxía, que xa sabe o que é subir ao podio no Adro de Vilaño na edición do 2017. Miguel Gómez que chega nun  bo estado de forma tras acumular varios podios nas últimas carreiras disputadas. Manuel Oliver Pérez "Manute" e Ángel Maceiras, dous auténticos clásicos das pedestres, e que nas anteriores edicións da Carreira do Apóstolo estiveron nos postos cabeceiros tamén se atopan entre os inscritos, así como a Adrián Rojo, o atleta de Camariñas que é habitual das Carreiras da Costa da Morte. A atleta de Mazaricos Rocio Alvite que o ano pasado venciu en Vilaño tamén a encontramos entre os inscritos.

Os triatletas tamén queren correr en Vilaño, por eso podemos ver entre os inscritos a Nicolás Dominguez, o triatleta coruñés que acadara a segunda posición na primeira edición, ben seguro que ven con ganas de dalo todo para poder subir ao máis alto do Adro. David Castro o triatleta internacional de orixe larachés repite despois da participación o ano pasado na que dou guerra loitando polos primeiros postos, o sábado veremos se este ano ven con ganas de rebancha. En categoría femenina encontramos a Esther Rodríguez, triatleta rioxana que este ano se encontra nun gran estado de forma, logrando unha meritoria 17ª posición no campeonato de España de 10k en Ruta e que ven de facer un bo papel fai dúas semanas no campeoanto de España de Triatlon Sprint. 

Ao igual que na edición anterior, todos os participantes levarán unha camiseta técnica conmemorativa do evento e gozarán dun amplo abanico de servicios que a organización pos a súa disposición. Gardería para os máis pequenos atendida por monitores especializados, zona de recuperación con avituallamento líquido e froita, servicio de fisioterapia ofrecido por Diego Pérez, zona crioxénica consistente nunha piscina con xeo para relaxación muscular e pinchos ao remate. Asimesmo, todos os participantes na Andaina saudable e solidaria levarán un agasallo saudable, repetindo a costume de edicións anteriores.

As inscripcións permanecerán abertas ata este mércores 18 de xullo de forma online na web www.carreirasgalegas.com e de forma presencial tanto no Concello de A Laracha como na Piscina Municipal.