luns 01 abril 2019

SANTIAGO ACOLLE ESTE DOMINGO A II MILLA URBANA "PORTAS DE COMPOSTELA" (Fonte: www.santiagodecompostela.gal)

A concelleira de Deporte, Noa Morales, acompañada do presidente do Club Atletismo Santiago, Alfonso Menduiña; do vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Eladio Gómez, e do delegado en Santiago da FGA, Iván Sanmartín, deu conta hoxe dos detalles da segunda edición da Milla urbana "Portas de Compostela", que terá lugar o domingo 7 de abril a partir das dez da mañá.

A proba está organizada pola Federación Galega de Atletismo e o Club Atletismo Santiago, coa colaboración do Concello, e desenvolverase nos arredores da praza de Galicia. Pertence ao XI Campionato de Galicia Absoluto de Milla en Ruta das categorías sub-18, sub-20 e sub-23. Paralelamente, celebraranse varias carreiras populares nas diferentes distancias establecidas no regulamento da proba. Os circuítos estarán homologados na distancia de 1 km e milla pola Real Federación Española de Atletismo (agás na categoría sub-8). Poderán participar atletas federados/as e non federados/as.

Horarios 
A saída será ás 10:00 h para a categoría sub-8, ás 10:15 h para a sub-10, ás 10:30 h para a categoría sub-12, 10:45 h para a sub-14 e 11:00 h para a sub-16. Xa a partir das 11:45 horas, tras a entrega de premios das categorías escolares, celebrarase o Campionato Galego de Milla en Ruta, tanto feminino como masculino. A partir das 12:40 horas será a quenda da Milla Popular, tanto na modalidade feminina como masculina. As probas rematarán ás 14:00 horas, xusto tras o Campionato de Galicia Absoluto de Milla que porá o broche final á xornada.

A entrega de dorsais realizarase no lugar de saída das probas (Ppraza de Galicia) ate 30 minutos antes do inicio de cada proba en cuestión. Os participantes nos campionatos de Galicia de Milla en Ruta terán que acreditarse previamente na cámara de chamadas.

Noa Morales convidou a todos os veciños e veciñas de Santiago a participar na proba e tamén a "achegarse a vela, porque será espectacular". Compostela acolle, por segundo ano consecutivo, a carreira profesionalizada cuxas inscricións poden facerse en www.rfea.es. No caso da carreira popular, a inscrición será en www.carreirasgalegas.com e ten un custo de 4 euros para a categoría absoluta e de balde para menores de 8 anos e a milla popular de menores.

Na súa intervención, o presidente do Club Atletismo Santiago, Alfonso Menduiña, destacou a distancia da Milla (1.606 metros) como "moi acaída para a xente que se inicia no atletismo, e máis nun espazo como a praza de Galicia". Nesta mesma liña, o delegado en Santiago da FGA, Iván Sanmartín, cualificouna como "unha proba diferente, encaixada no medio fondo, que vén a completar a programación do deporte san en Compostela". Lembrou tamén que o pasado ano se rozou o límite da capacidade de participantes da careira.

Finalmente, o vicepresidente da FGA, Eladio Gómez, valorou "a continuidade dunha proba que espero que se consolide durante moitos anos, converténdose nunha referencia entre as probas de milla en Galicia, pola calidade do circuíto e pola implicación dos clubs e institucións".