sábado 23 xuño 2018

UNS 600 INSCRITOS SÚMANSE Á NOCTURNA ESTRADENSE DE 2018 (Fonte: www.farodevigo.es)

O  Concello da Estrada aínda non finalizara onte á noite ao peche desta edición a inscrición definitiva para a sétima edición da Nocturna Estradense, unha proba que hoxe abrirá o circuíto de carreiras populares Corre A Estrada Corre. Con todo, o bo ritmo de incorporacións e a máis que probable presenza de corredores de última hora, hoxe, na liña de meta en Calvo Sotelo facían presaxiar aos organizadores que a cifra de participantes podería alcanzar en 2018 como mínimo os 600.

A máis multitudinaria das carreiras estradenses terá lugar esta tarde-noite mantendo moitas das características de edicións anteriores pero tamén con algunhas novidades, que a farán aínda máis atractiva tanto para os corredores como para os que a presenciarán durante o seu percorrido meramente urbano polas rúas da localidade. Unha das máis rechamantes é o atraso da hora de inicio da proba sénior, pasando a celebrarse ás 23.00 horas. A modificación busca convertela nunha carreira aínda máis nocturna, segundo recoñecen os seus promotores.

Outra das novidades importantes da Nocturna Estradense de 2018 afecta os premios, xa que este ano levarán un merecido trofeo os tres primeiros e as tres primeiras estradenses en cruzar a liña de meta. Tamén se incluíu unha nova categoría, a denominada veteranos  C, para atletas nados no ano 1963 e anteriores. En ambos os casos trátase de peticións realizadas polos propios atletas, que non se querían perder a cita por cuestións regulamentarias e que vían con bos ollos un recoñecemento aos atletas locais presentes na carreira. Outra das novidades é consecuencia da inscrición do Corre A Estrada Corre na Federación Galega de Atletismo, polo que pasará a estar a partir de agora controlada por xuíces federativos. O circuíto da multitudinaria carreira nocturna da Estrada mantense inalterable, con saída e chegada na rúa Calvo Sotelo. A entrega de premios está prevista para as 0.30 horas.