sábado 16 novembro 2019

VINTE E CINCO XUÍCES VELAN POLA INTEGRIDADE DA SAN MARTIÑO (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

Na engrenaxe da Popular Pedestre de San Martiño destaca un estamento con gran relevancia ao longo dos anos, como é o dos xuíces que fan oficial o resultado da proba, entre outras tarefas esenciais para o desenvolvemento da mesma. No caso de Ourense, o persoal da delegación provincial da Federación Galega de Atletismo é toda unha garantía, pola súa formación e experiencia ao máis alto nivel.

Ángel Fidalgo é o director técnico do ente federativo local e recorda con orgullo que Ourense é «a provincia de España con máis xuíces de nivel tres, o máximo, e durante esta edición de Sportur realizaranse novos exames para os ascensos de nivel, nos que esperamos seguir mantendo esa condición».

Moito destes especialistas, con experiencia incluso na competición internacional, forman parte do xurado de vinte e cinco persoas que actuarán na inminente edición da San Martiño. Afrontarán distintos labores, situándose na saída, a chegada e nos dous puntos de control dos quilómetros cinco e oito.

O mesmo Fidalgo Vázquez recorda que, aínda coa irrupción das empresas de cronometraxe electrónica e os chips, as súas funcións aínda son moi importantes: «Antes da carreira xa comprobamos coa empresa de cronometraxe que os chips funcionan na saída, chegada e puntos de control. Tamén realizamos unha comprobación previa dos puntos quilométricos e a súa exacta colocación. Xa na proba, o xuíz árbitro que vai no coche co cronómetro activa os axustes necesarios e, tanto nos puntos de control como en meta, outros xuíces toman todas as referencias posibles dos dorsais que van entrando, para contrastar coa cronometraxe electrónica e darlle validez definitiva». 

E é que, aínda tratándose dunha proba popular e cun compoñente lúdico relevante, os triunfos nas distintas categorías gozan dun notable prestixio e están homologadas as marcas no paso polos cinco quilómetros e a meta dos dez. Incluso se combate á picaresca dalgúns atletas que pretenden falsear tempos acurtando distancias ou portando outros chips. Por iso é polo que se realicen comprobacións visuais ou apoiadas na retransmisión por streaming, ademais de situar xuíces ou voluntarios nos cruces que poidan favorecer calquera eventual irregularidade.

Atrás quedan aquelas chegadas na Alameda, nas que se organizaban varios embudes para ir tomando nota da orde dos dorsais que entraban, como recorda o director técnico da delegación ourensá: «Un ditaba e outro ía anotando. Aínda gardamos aqueles computadores con programas que utilizaban o dBASE II (xestión de bases de datos) e José María López do Río tamén creou un que se utilizou durante anos. Os chips cambiaron moito o proceso, pero aínda é vital o labor dos xuíces para que todo transcorra segundo a lexislación vixente». 

Sen dúbida, a clásica de outono merécese o máximo esmero.

Fonte: www.lavozdegalicia.es