domingo 22 xullo 2018

ÉXITO ROTUNDO DA TERCEIRA EDICIÓN DA CARREIRA DE VILAÑO (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

A alta cifra de inscricións -case 800 deportistas- xa auguraba que a terceira edición da Carreira Popular do Apóstolo de Vilaño sería todo un éxito.

E o certo é que finalmente os presaxios se cumpriron onte pola tarde. Houbo unha moi boa participación, sendo esta maior na andaina solidaria a favor de Cáritas da Laracha que na proba absoluta de 10 quilómetros. E iso foi sinónimo de moito nivel entre os corredores, pois non faltou algún dos habituais da Costa. O tempo, nubrado, foi perfecto para correr, e a choiva só se pronunciou ao final na entrega de premios. Así, o ambiente foi espectacular, de modo que a organización, Asociación Adro de Vilaño, describiu a cita como «éxito rotundo».
Máis de medio centenar de voluntarios fixeron porque todo se desenvolvese na forma e horarios previstos, e isto tivo como resultado que non se producise incidencia ningunha.

O santiagués Amador Pena proclamouse campión da carreira absoluta cun tempo de 34 minutos e 34 segundos. Foi o seu segundo ano de participación. Seguíronlle Manuel Oliver Pérez, Manute (34.39), e o laxense Martín Regueira (34.51).

A rioxana Esther Rodríguez foi a gañadora absoluta (37.30) na súa primeiro experiencia na Laracha, seguida pola mazarica Rocío Alvite (40.00) e a vimiancesa Teresa Castro (40.57).